Na casa onde nacín hai un limoeiro. Crecimos xuntos. Escaleino, xoguei arredor del, manqueime coas súas pólas e os seus pinchos, desfrutei dos seus froitos… 
Agora é unha gran árbore, que de cada pouco hai que podar, que trata de escapar cara a finca da veciña e para arriba, moi arriba. Está cheo de limóns, limóns grandes e cheos de zumo. 
Case sen darme conta, cada vez que vou a esa casa fago unha peregrinación hacia o limoeiro. Inconsciente, sen pensalo, atráeme coma un imán, como se me chamara. E alí estou un bo rato, arredor del, debaixo, miro para os seus froitos, imposible contalos. Sempre collo algún, imposible non facelo. As mans quedan un bo rato con ese arrecendo de cítrico. 
O pasado inverno, cando estaba no seu momento menos produtivo, pero aínda así cheo de froitos, fitei para os limóns. Estaban no final do seu ciclo vital, uns máis grandes ca outros; uns nas pólas, pendurados e valorentos; outros nun chan de carita e trevos. E fixéronme reflexionar, dinme conta de todo o que esta árbore vivira e experimentara: eu xogando, ou posando - hai moitas fotos miñas con él de fondo - os meus amigos e amigas desfrutando dunha tarde no vrao, como fun crecendo e desaparecendo cando estaba fóra, pero sempre volvendo, os gatos e cadelas que nos acompañaron os que ainda seguen a aproveitar a sua sombra nos días de mais calor ou protexerse nos días chuviosos… Sempre aí. Tamén nos peores momentos, nos máis tristes, nos máis dolorosos, nos máis difíciles. 
Fitei nos valorentos ainda pendurados e dinme conta da sua función. Do necesario que estén ahí e se transformen para permitir crecer aos novos froitos. 
Esta serie de imaxes é “A vida e morte no limoeiro”, é o paso do tempo, é a beleza dos brotes e dos froitos xoves e frescos, pero tamén é a madurez dun tronco cheo de marcas, de feridas curadas, a enfermidade e a deformación dalgunha das súas follas, o envellecemento dos froitos e o desgaste, o fin dun ciclo, a simbiose doutras formas de vida, que se aproveitan e invaden o espazo do que o limoeiro se foi aproveitando. 
Capturas con obturacións lentas, pouca profundidade de campo e reveladas resaltando a luminosidade da escea para transmitir o paso do tempo. O movimiento da árbore e a captura dese movemento para conxelar a súa relación cun entorno que ao longo dos anos foi evolucionando e mudando. Pólas novas, froitos tenros, flores novas - enfatizadas coa sobreexposición dalgunhas zonas-, o presente, nunha árbore que aguanta o paso do tempo cunha evolución de ciclos contínuos. Pólas secas, brotes mortos, froitos valorentos… sobresaturados nos tons verdes e sobreexpostos para crear un ambiente irreal, ilusorio e enfatizar esa sensación de transformación e degradación.
Back to Top